Este ano 2025 a Real Academia Galega fai unha homenaxe a poesía de tradición oral que se foi transmitindo de xeración en xeración, en forma de cantigas, grazas sobre todo a música e as voces das mulleres. É por iso que adica o Día das Letras Galegas a figura das Cantareiras, personificándoas en sete mulleres: Adolfina e Rosa Casás Rama, as Pandereteiras de Mens e a Eva Castiñeira.

Ata o de agora únicamente seis mulleres foron protagonistas no Dia das Letras Galegas dende os seus inicios… Pareceume interesante facer un sinxelo homenaxe a todas elas escollendo algúns dos seus poemas que máis me gustan.
A primeira delas foi a gran Rosalía de Castro en 1963.
“Din que non falan as plantas, nin as fontes, nin os paxaros, nin a onda cos seus rumores, nin co seu brillo os astros, dino, pero non é certo, pois sempre cando eu paso,de min murmuran e exclaman: Aí vai a tola soñando coa eterna primavera da vida e dos campos, e xa ben pronto, ben pronto, terá os cabelos canos, e ve tremendo, atericida, que cobre a xeada o prado. Hai canas na miña cabeza, hai nos prados xeada, mais eu prosigo soñando, pobre, incurable somnámbula, coa eterna primavera da vida que se apaga e a perenne frescura dos campos e as almas, aínda que os uns esgótanse e aínda que as outras se abrasan. Astros e fontes e flores, non murmuredes dos meus soños, sen eles, como admirarvos nin como vivir sen eles?” – En las orillas del Sar (1884)

Máis de vinte anos tiveron que pasar para que outra muller fose protagonista das Letras Galegas. En 1987 a homenaxeada o 17 de maio foi Francisca Herrera.
“Querendo un gran poema cantar, dúbidas teño; que se falo galego non me entenden, e a cantar castillán non me comprendo. Así mesmo pregúntome, se en prosa hei de escribir ou ben en verso, e ríome soíña deste meu dubidar, que é un aletexo igual ó dun poliño que se debate, coidándose atrapado no poleiro por un espanta-paxaros de trapo movido polos ímpetus do vento” – Néveda (1920)

Non foi ata o 2007 que as nosas letras se escribiron de novo en feminino, nesta ocasión a homenaxeada foi María Mariño.
“Tiven medo de bogar, tiven medo d’auga crara.
Anque fora cuns bos remos anque fora na mar calma,
non bogaba! non bogaba! O medo xa non sei dél.
Xa secou aquel mar longo!
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo” – Palabra no tempo (1963)

María Victoria Moreno converteuse no ano 2018 na cuarta muller protagonista das Letras Galegas.
“Se eu achase a palabra
donda, escintilante,
tan lene coma o peito da andoriña,
tan rexa coma a face da verdade… Se eu achase a palabra
de lume, de auga, de aire,
de terra aloumiñada pola brisa
que arrola cada tarde… Se eu achase a palabra
limpa, espida, que cabe
no efémero latexo dun salouco
e abrangue a eternidade… Se eu achase a palabra
de amor que iluminase
esta esfera que treme estarrecida
na sombra e na soidade… Se eu achase a palabra
eu pintaría o planeta de paz e liberdade” – Elexías de luz (2016)

En 2021 a protagonista do Día das Letras Galegas foi a figura transgresora de Xela Arias.
FÁBULA
“Outra vez e coma sempre chea: verde primavera
e un paso a despropósito de ruídos, murmurios e silencios. Mais saúdo á primavera polo que poida ser: Se rebento de froita, feliz creación completa;
Se anuncio de estío, seca fame das fontanas. Saúdo á primavera e inxenua absolvo
do seu poder a bolboretas, margaridas, cempés, saltóns e lavandeiras. Estúpida e inxenuamente absolvo a quen derrota presentando formigas cara ó inverno. Pero absolvo,
absolvo porque poidamos ser, se poida ser, cigarra dunha tempada a cambio” – Glu… Glu… Periódico discontínuo 2 (1995)

Co desexo de que sexan moitas máis no futuro, remato aquí esta pequena homenaxe as mulleres nas letras, cun poema da homenaxeada o 17 de maio de 2024, Luisa Villalta.
“Son, somos, seremos unha vibración convulsa, certidume tremulante, aspereza, torsións que fan de nós un timbre irrepetíbel, sonido sinónimo de nós. Xovens de inmediato vellos nas fronteiras esperamos do mar algún regreso, no ruído dos pasos que inequivocamente se desvian, como cabalos, sobre tantos folios galopados sen encontrar nen temor xa baixo os cascos, estamos sempre a ponto de nacer, de rebentar o noso útero perpétuo” – Ruído (1995)

Feliz 17 de maio! Feliz Día das letras galegas!



