Xan de Rafael de Roque

Chámase Asunción Do Pacio, ainda que todos a coñecemos como Asunción “Darriba”. Cumpriu xa os 98 anos pero aínda conserva unha lucidez e una memoria admirables. Meu avó e máis ela eran fillos de irmáns. Teño lembranzas de Asunción arranxando sempre a igrexa de Santa Mariña de Esmeriz, era ela a que se ocupaba de mantela limpa e adornada de flores. Encargábase tamén de dirixir o rosario, axudaba na misa e sabía moitas lendas e contos populares. Hai uns días recibín a gravación dun romance recitado de memoria por ela que me pareceu unha maravilla e quero compartila con todos vós. Pescudei a orixe de tal romance pero non atopei datos dabondo, se alguén sabe da historia de Xan de Rafael de Roque agradecería moito a información. É un magnífico exemplo de literatura de tradición oral, e tamén un valioso testimonio da sabiduría que atesouran os nosos maiores.

Aquí podedes escoitar a Asunción recitando o romance.

Ir a descargar

E esta é a transcrición que fixen do texto tal e como ela o parrafea:

Xan de Rafael de Roque,
mozo robusto e valente,
tomou amores con Carmen
de Rosa de San Clemente.

Carmela era unha rapaza
ghuapa como unha paloma
que o vela bailar parecía
unha muñeca de ghoma.

Por eso Xan se entusiasmou
por ela con tanto afán
para donde iba Carmela
iban os ollos de Xan.

Xa había unha temporadiña
que él tiña pasión por ela,
pero recelaba moito
dicirlle nada a Carmela,

por que o cariño de Xan
non era por se casar,
que Xan para consigo tiña
outros modos de pensar.

E un día, vindo do muíño
a cerradiña da noite,
iba Carmela tamén
cun balde de augha da fonte.

Gracias a Dios Carmeliña,
por fin cheghou a ocasión
de desvanecer a pena
que aflixe o meu corazón.

Xa non soñas pillastrán,
que eu xa estou desengañada
ca astra o día de hoxe
nunca trataches conmigho nada.

Entraron xuntos na casa
en moral conversación
e Xan saludou a Rosa
como era de obligación.

Que milagro!, dixo Rosa
tan rubia como unha brasa,
ca astra o día de hoxe
nunca entraches na miña casa.

Porque non se dou o caso
que o demáis todos sabemos
que pras silveiras que hai niños
sempre os rapaces corremos.

Dixo Rosa: Xanciño,
non sei se te engañarás,
eiquí o niño que ti buscas
apena-lo encontrarás.

Encontro señora, encontro,
que se lle porfío ben
hame decir de Carmela
que ela ben sabe de o ten.

Se espero que a tí cho enseñe
apenas será verdá,
o niño está no seu nicho
e veremos pra quen será.

Pois si Dios conserva as ideas
que dentro meu peito encerra,
o niño a de ser pra min
ou non hai de haber lei na terra.

As ideas non son firmes,
unhas veñen e outras van
i eu dudo que nise niño
crie teu paxaro Xan.

Camiñou Xan presumido
cara a casa do seu pai
pensando nas palabras
de Carmela e súa nai.

E pra sí solo decía:
seica entrei con mala pata,
que me vai salir sin duda
o tiro pola culata.

Pero eu eilles da-la lata
astra ver se me dou maña
que dunha maneira ou doutra
ha de estoupa-la castaña.

Estoupou, tuvo razón,
por fin cheghou o día
que reventou a castaña,
máis non como Xan quería.

Un sábado pola noite
seica o demo a tentou,
quixo Xan facer das súas
pero non lle resultou,

por que Xan como se vira
tan boa cara a Carmela
foi pouco a pouco empezando
a brincar algo con ela.

Dixo a Carmela: Xan!
onde a min non te alporrices
que agarro a culler do pote
e desfágoche as narices.

Pero Rosa que sinteu
semejante foliada
saltou da cama en camisa
sin calza-las zocas nin nada.

Botoulle a man a un forcado,
destes que hai pra da-los toxos,
dándolle a xan unha delas
que lle amolentou os osos,

dicíndolle: ou Xan ou demo!
xa te vexo e non te deixo,
de serio non te me escapes
sin deixar eiquí o pelexo.

Xan viuse en calzas vermellas,
pra se desanibir delas
as castañas do forcado
entonaban nas costelas.

O domingo ao vir da misa,
Carmela por chirigota
dixolle a Xan: astra a noite
que veñas dar unha volta.

Astra o demo que vos leve
a tí e máis a túa mai,
Xan de Rafael de Roque
máis a vosa casa non vai.


Terminouse.

Advertisement